Monday 29 de April de 2024

A biblioteca de Neda acolle este sábado “Rosa e azul”, espectáculo infantil contra os estereotipos de xénero


Neda ofrece este sábado, a partir das 12 horas, na biblioteca municipal, unha nova entrega do programa “Lesme un conto?”. Desta volta, e no marco do Mes da muller, o Concello trae á vila o espectáculo infantil “Rosa e Azul” de Pérez & Fernández. Unha proposta para a que abre dende hoxe mesmo o prazo de inscrición.

Trátase dunha obra de narración oral, dirixida ao público infantil (nenos de catro a dez anos), que consta dunha serie de contos non sexistas teatralizados, que rachan cos estereotipos de xénero e falan da diversidade.

Así, segundo explican dende a compañía, o espectáculo, cun elenco integrado por Victoria Pérez e Manu Fernández, mestura historias reais e de ficción, que versan sobre o respecto, o amor, a tolerancia e a diversidade. E faino botando man da manipulación de xoguetes e máis de monicreques artesáns.

O Concello abre o prazo para que as familias interesadas en asistir cos seus nenos e nenas á representación, se anoten chamando ao teléfono 981390233. A actividade é completamente de balde.